O Presidente da , Darío Campos Conde, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, presentaron este luns a XXXIV edición da Festa ó Emigrante que terá lugar na Carballeira de Mosteiro desta localidade o vindeiro xoves, 24 de agosto. O organismo provincial é o principal patrocinador da cita cunha achega de 6.000 euros, dentro da súa aposta pola celebración de eventos lúdicos e culturais nos diferentes Concellos da provincia, como unha das liñas do seu Plan Estratéxico de Turismo.
Campos Conde subliñou que “a Festa ó Emigrante de Pol é unha das iniciativas consolidadas na provincia, como homenaxe ás persoas que un día tiveron que abandonar o seu fogar na procura dun futuro máis prospero. Na pasada edición superáronse os 2.000 participantes, e non me cabe dúbida de que este ano volverá a repetir éxito, pois conta cunha ampla e diversa programación para todos os públicos”.
O Presidente engadiu que “dende o Goberno da Deputación impulsamos esta cita, pois consideramos que se trata dunha ocasión única para dinamizar a economía local e promover a nosa cultura tradicional. Deste xeito, á achega económica súmase unha demostración de tear que ofrecemos a través do Programa de Promoción da Artesanía do CentrAD”.
A Festa ó Emigrante dará comezo ás 13:00 horas. Nesta ocasión o encargado de dar o pregón será o exfutbolista galego do Deportivo, Real Madrid e Sevilla, Paco Buyo.
Ao mediodía haberá un xantar popular coa degustación dunha xovenca asada no campo que se repartirá entre as persoas asistentes. E, xa pola tarde, haberá xogos tradicionais a cargo de Xotramu e unha demostración de tear a través do Programa de Promoción da Artesanía do CentrAD e deseguido música.