O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, informou este luns de que o Concello realizou un total de 204 actuacións en 19 centros escolares -15 colexios públicos e as 4 escolas infantís municipais-, dentro do Plan Mellora Lugo 2016, co dobre obxectivo de fomentar o emprego e realizar traballos de acondicionamento e mantemento destas dependencias escolares. Entre as melloras realizadas nos centros estas son as máis sobranceiras:
No Colexio da Ponte fíxose o recheo de ocos na cimentacións. En canto ao CEIP das Mercedes realizouse a limpeza do corredor entre o peche e o edificio de infantil, melloráronse as varandas e suprimiuse a escaleira de infantil cunha rampla de acceso.
No centro educativo de Albeiros reparouse o motor da cancela exterior, fíxose unha canaleta perimetral en formigón no patio de Infantil, Nas instalacións do Colexio da Anexa pintáronse diversos corredores. No CEIP de Casás esmaltáronse varias portas, colocáronse pechaduras novas no almacén do polideportivo e pintáronse varias paredes das instalacións afectadas por pintadas.
No centro educativo das Gándaras arranxouse o peche metálico na zona do areeiro de Infantil e reforzáronse as paredes
No Illa Verde pintouse unha aula, reparouse o peche de tela no patio do edificio de infantil e desmontouse unha caseta de madeira neste mesmo patio, No CEIP Luis Pimentel reparouse un tobogán do patio de Infantil, transformouse un baño infantil en cambiador, reparáronse dúas porterías no pavillón e reparouse unha cancela de acceso ao centro, entre outros.
No que se refire ás instalacións do centro educativo Manuel Mallo Mallo reparouse unha beirarrúa na zona do areeiro e realizáronse diversas melloras no polideportivo, entre outras actuacións.
No centro educativo Menéndez Pelayo reparáronse postes da porta de entrada ao ximnasio, reparáronse varias beirarrúas no recinto deste colexio e pintáronse dúas portas de madeira,.
No Colexio de Paradai reparouse a porta de aluminio da saída ao patio, pintáronse as paredes e cortizas da entrada, colocáronse estacas para peche de separación no patio de infantil contra os setos existentes, e reparouse un bambán neste patio. No CEIP Quiroga Ballesteros reparouse con pintura o teito da sala de caldeiras, colocáronse portas nos aseos e reparáronse baldosas en diversas zonas.Nas instalacións do centro educativo de Rosalía de Castro reparouse o chan do patio de Infantil, colocouse un tramo de baixante nunha fachada, reparáronse varias beirarrúas e executouse unha rampla nunha beirarrúa para o acceso á zona verde.No Colexio Sagrado Corazón reparáronse as calexas e reixas do patio de xogos, mellorouse o peche dos patios, reparouse a pechadura dunha porta de aseo, así como diversas reparacións e arranxos nas instalacións deste centro.
Por último, no CEI Fingoi 2 colocáronse dez pranchas de cortiza na entrada principal, arranxáronse dous bancos para o patio cuberto, colocáronse proteccións frontais en doce radiadores do edificio, entre outras actuacións.
Melloras en garderías
Na Escola Infantil Municipal Gregorio Sanz montáronse dous mobles, reparouse unha goteira no tellado, limpáronse as calexas, seláronse as fiestras e reparáronse as portas do cadro eléctrico, entre outros. Na gardería Luis Soto Menor reparáronse as mesas e cadeiras no comedor e arranxáronse as patas, entre outras actuacións.
Polo que respecta á Escola Infantil María Wonenburguer reparáronse as manillas de portas, fíxose o selado exterior do tellado e recolocouse un foco do patio, entre outras actuacións. Na gardería Serra de Outes limpouse o areeiro e repúxose area, colocáronse tres reixas de ventilación, e repuxéronse azulexos, entre outros.