O BNG-AA pide seguridade para as “variantes enganosas” do Camiño Primitivo

A edil Maite Ferreiro anunciou que a formación que representa presentará unha solicitude formal para que se proceda á sinalización dun paso de peóns na ronda do Carme onde a Xunta delimitou un trazado do Camiño Primitivo. “Ultimamente estanse sinalando diversos trazados na saída da cidade sen xeito nen control pero o concello debe garantir a seguridade das persoas independentemente da veracidade do trazado” sinalou Maite Ferreiro.

O BNG xa cuestionou no seu momento a creación deste trazado que chega ata a Calzada da Ponte dende a capela do Carme pero non se corresponde co trazado orixinal que decorría polo camiño coñecido como Regueiro dos Hortos. Neste momento está aberto na cidade o debate sobre a sinalización e o trazado do camiño Primitivo que recentemente recibiu o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade, “semella que non hai comunicación entre as administracións que se encargan das delimitacións dos Camiños” sinalou Maite Ferreiro.

Maite Ferreiro salientou que “neste verán asistimos a dúas sinalizacións diferentes, unha no mes de xuño e outra en agosto e por dous lugares diferentes”. En días pasados apareceu unha nova sinalización de trazado do Camiño que sae pola Porta de Santiago para conducir as persoas que fan o camiño pola rúa Santiago ata a Calzada da Ponte. Mentres que a Xunta fixo, no mes de xuño unha intervención no camiño que vai dende a Capela do Carme ata o tramo baixo da Calzada da Ponte.

Ferreiro advertiu que o Camiño Primitivo foi distinguido como Patrimonio da Humanidade e este tipo de actuacións poderían motivar a intervención da UNESCO “por que realmente estase desvirtuando e desviando o trazado do Camiño Primitivo ao paso pola cidade de Lugo”. A edil nacionalista resaltou a necesidade de “vixiar, protexer e manter entre todas as institucións” o Camiño Primitivo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com