A asociación denuncia que “a pesares de que o xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo anulou o pasado 31 de xullo, a licenza que permitía a Cementos cosmos explotar a canteira próxima á Cova Eirós e que a Xunta xa iniciou o procedemento para a súa declaración como BIC, a empresa intensifica a súa actividade na área próxima ao xacemento arqueolóxico. Así o día de onte sobre as 11 horas, iniciaba a actividade de canteira con voaduras de explosivos para o arranque do material na área de amortecemento da cova”.
O xacemento arqueolóxico, que se atopa dentro do perímetro da explotación, “continúa a estar ameazado por unha actividade mineira a ceo aberto que arestora carece dunha declaración de impacto ambiental favorable, e por elo, carece dunha avaliación dos impactos da actividade sobre o mesmo”. Inciden dende a asociación.
Cementos Cosmos, continúa o comunicado da asociación,”incumpre e desobedece así o fallo da sentenza do 31 de xullo pasado, a pesar das solicitudes de paralización cautelar da actividade mineira solicitadas por diversos colectivos (Asoc. cultural O Iribio, Verdegaia, Petón do Lobo…etc), ante a Alcaldía de Triacastela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en tanto non exista sentenza firme ao respecto”.
Por este motivo e “ante a pasividade das administracións con responsabilidades en materia de patrimonio cultural, algunhas entidades, entre as que está Petón do Lobo, xa se dirixiron á Fiscalía de Lugo para que adopte con carácter de urxencia as medidas provisionais necesarias para a adecuada protección do xacemento arqueolóxico e a paralización da actividade ilegal da canteira”. Rematan.