Raúl Ferreira Fernández foi recibido no concello, logo de converterse no primeiro bailarín do estado en formar parte da plantilla fixa do corpo de ballet do Teatro Mariinsky de San Petesburgo, berce e referencia da danza clásica a nivel internacional. Ao acto, celebrado no Salón de Plenos, acudiron concelleiros de diversas formacións políticas presentes no consistorio.
O consistorio expresou o gran orgullo que supón que un lucense conseguira, nunha disciplina artística tan difícil como a danza, a meta que acadou Ferreira.
A Alcaldesa, que entregou a Raúl Ferreira como agasallos institucionais unha reprodución da Mosqueira e un libro sobre a cidade, invitou a Raúl Ferreira a “ser embaixador de Lugo en San Petesburgo e por todo o mundo”, ademais de desexarlle “sorte e moitos éxitos” na súa nova etapa.
Traxectoria de vertixe
Con só 19 anos, a traxectoria de Raúl Ferreira é impresionante. Converteuse este verán no primeiro bailarín do estado en ser contratado na plantilla fixa dun dos mellores corpos de ballet de teatro do mundo: o Teatro Mariinsky de San Petersburgo. O seu ingreso no ballet da conta da calidade e futuro do bailarín lucense, xa que no ballet so hai nestes intres o británico Xander Parish,
dende o 2010 e o surcoreano Kimin Kim, dende o 2012. Este ano, xunto a Raúl Ferreira, integrarase unha bailarina francesa.
Foi alumno durante 10 anos do Conservatorio de Danza de Lugo, onde terminou o grao Profesional de Danza Clásica. Dende hai dous anos ultima a súa formación como bailarín na escola Vaganova de San Petersburgo, dependente do Teatro Mariinsky, onde se formaron, entre outros, Rudolf Nureyev e Anna Pavlova, e para a que compiten cada ano 3.000 candidatos para 60 prazas. Incorporarase ao seu novo posto o 1 de setembro.
Aos 16 anos decidiu dedicarse profesionalmente á danza, que, admite, é a súa vida. O mediano de tres irmáns, compatibiliza a formación como bailarín co estudos no instituto e aprende ruso, idioma que xa domina.