A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, Juan Serrano, que posibilitará a creación dunha ruta gastronómica neste itinerario xacobeo. Gracias ao acordo, os 11 municipios que compoñen esta Mancomunidade organizarán, nas fins de semana dos meses de outubro a xaneiro, diversas xornadas gastronómicas cos seus diferentes produtos locais como protagonistas.
Esta acción terá lugar na temporada de menor afluencia de peregrinos, o que afonda na liña de traballo de desestacionalización do turismo. Grazas a este convenio de colaboración, os peregrinos do Camiño Francés, que concentra o 60% dos camiñantes, poderán coñecer as singularidades da gastronomía de distintas zonas da Comunidade, o que á súa vez servirá para dinamizar as economías locais e beneficiará a distintos sectores dos 11 concellos.
“Unimos o Camiño de Santiago, o noso embaixador no mundo e que supón un patrimonio vertebrador e apreciado que debemos coidar e preservar, coa nosa gastronomía, a segunda motivación pola que os turistas elixen visitar Galicia”, subliñou a directora de Turismo, que estivo acompañada da secretaria territorial da Delegación da Xunta en Lugo, Marta Barreiro.
O convenio terá vixencia ata 2020 e conta con una achega por parte de Turismo de Galicia de preto de 287.000 euros. A maior parte destinarase á ruta gastronómica, pero haberá dúas actuacións máis encamiñadas a contribuír ao mantemento do Camiño Francés e á xestión e a mellora deste itinerario. Deste xeito, o convenio tamén permitirá a xeración de emprego.
Do queixo do Cebreiro ao galo piñeiro
Nas xornadas gastronómicas propostas, promoveranse, entre outros produtos, o queixo do Cebreiro, o cocido, a carne de porco, o pan artesán, os biscoitos de Samos, os embutidos, o polbo, as anguías, o roscón de Pascoa, a tarta de Portomarín, o augardente, o queixo Arzúa-Ulloa, os melindres, o capón ou o galo piñeiro. Todos eles son representativos dos concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés, declarado Patrimonio Mundial pola Unesco no ano 1993. Trátase de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino.
Estas iniciativas enmárcanse nun contexto de constante aumento do número de peregrinos. Despois dun 2016 de récord que rematou con 277.854 peregrinos, nos oito primeiros meses deste ano mantense a tendencia á alza. Ao longo dese período, percorreron a ruta xacobea máis de 200.000 persoas de preto de 170 países, o que constitúe un incremento do 9%.
A este respecto, a directora felicitou á Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés polo seu traballo diario. “A boa fama da acollida que ofrecedes pasou boca a boca e chegou aos recunchos máis afastados”, afirmou. De todos os elementos que fan que a ruta xacobea xere tanto interese entre os peregrinos de todo o mundo, a directora asegurou que un deles “é completamente imprescindible: a gran disposición dos galegos a acollelos”