O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Trabada, Mayra García supervisaron este venres pola tarde as obras da estrada de Fórnea, Vidal e Valboa, cun investimento de 150.000 euros; e as do polideportivo de Sante que contan cun investimento 42.000 euros.
“Dende a Deputación de Lugo favorecemos a igualdade de oportunidades nesta provincia envellecida. E sempre dixemos que queríamos unha Deputación coas persoas, social e co rural; por iso a nosa prioridade é atender ás demandas dos veciños e dos Concellos, con novas prestacións públicas, como hoxe en Trabada”, sinalou.
Novas actuacións dotadas de 55.000 euros de remanentes
O goberno da deputación financia con 55.000 euros máis melloras en vías municipais. Trátanse de fondos de remanentes de obras executadas no Concello, que tal e como acontece neste caso o organismo provincial permite reinvestir no propio Concello de Trabada.
A rexedora agradeceu a implicación do Goberno da Deputación nestas novas dotacións. “Por un lado damos resposta á demanda veciñal, e ao mesmo solucionamos un problema que a propia Xunta non foi quen de dar resposta, xa que estas obras estaban contempladas no Plan de Melloras de Infraestruturas, pero foron rexeitadas. Dende o Concello de Trabada entendemos que son obras moi necesarias para todos os veciños que viven e traballan no rural, por iso priorizamos estes accesos”, explicou.
Mellora dunha estrada que conecta co Hospital da Costa
Campos Conde e García Bermúdez, acompañados de veciños supervisaron as obras de acondicionamento da vía de “Fórnea, Vidal e Valboa”. Esta estrada transcorre principalmente por Trabada, aínda que hai treitos que discorren por deslindes de Ribadeo e Barreiros. O Goberno da Deputación acordou financiar con 150.000 euros a mellora do firme con rego asfáltico de 7 quilómetros porque se trata dunha estrada moi transitada, pois conecta a zona co Hospital da Costa.
Melloras en dotacións deportivas públicas
Os mandatarios, tamén visitaron as obras de substitución da cuberta do pavillón deportivo municipal, que se sitúa no núcleo rural A Igrexa, da parroquia de Sante. O Executivo Provincial achega 40.000 euros e o Concello 2.000.