170 persoas participaron hoxe pola tarde en Trabada, na Ria de Abres, da programación de actividades fluviais gratuítas da Deputación, que ofrece a todos os públicos e leva a todas as zonas da provincia, no marco do Plan Estratéxico de Turismo. As vindeiras citas serán en Potormarín o día 1 de setembro, e no Club Fluvial de Lugo o día 2.
A programación inclúe atraccións inchables, tobogáns, balancíns, pulpos, rocódromos acuáticos, pistas de obstáculos, kaiaks, waterballs… animacións musicais ou xogos populares. Cada sesión, que ten unha duración de entre tres e catro horas, conta coa supervisión de, canto menos, un coordinador e entre seis e doce monitores, que se encargan do coidado e atención dos participantes para garantir unha actividade divertida e segura. As persoas que non saiban nadar terán que ir acompañadas.
Máis de 1.370 persoas participaron nas 11 primeiras actividades celebradas nos Concellos de Ribeira de Piquín, Navia de Suarna, Vilalba, Negueira de Muñiz, Ribas de Sil, Chantada, Monforte, Sarria, Guitiriz, A Pontenova e Trabada.