O PP critica a reducción do 45% nas axudas para o uso do taxi adaptado en Lugo

O Grupo Popular Municipal critica que os socialistas reduzan nun 45% a liña de financiación para que as persoas con discapacidade utilicen os taxis adaptados. Así o explicou a concelleira Mari Teijeiro que tilda de “incongruencia” que en Lugo se duplique o número de taxis adaptados mentres que o goberno local rebaixa a partida dos orzamentos para os veciños que utilizan este servizo.

A edil matizou que se pasaron dos 9.000 € de orzamento para esta axuda á mobilidade aos 5.000 € para este ano. Nese senso, a popular anunciou que o seu Grupo “pedirá explicacións” dos motivos deste recurte xa que se os orzamentos para este exercicio foron subrogados “non ten sentido” que se merme a partida.  A popular considera paradóxico o anuncio que os socialistas fixeron no mes de maio no que “sacaban peito de que Lugo era o primeiro
municipio galego que duplicaba a ratio de taxis adaptados que marca a lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras cando, por outra banda, tres meses despois reducen a partida destinada para axudar aos usuarios deste servizo”.

Os populares consideran que esta manobra ven dada pola “falta de planificación que hai en Servizos Sociais e  pola política de traballar sobre a marcha que caracteriza ao goberno socialista”. Asemade, Teijeiro reflexionou sobre o que cualificou “doutro despropósito do goberno local”, criticando que se aumenten as axudas para material escolar pero non a partida orzamentaria dedicada as mesmas polo que, segundo prevén os populares, as axudas non chegarán a todos os que as soliciten.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com