José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta en Lugo, asegurou esta mañá que a Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza subvencionará ao Concello da Pastoriza para que repare dous depósitos que fornecen á rede de abastecemento de auga potable de Fomniñá.
Así o explicou o delegado, quen aclarou tamén que a achega autonómica -que se corresponde con preto do 80 por cento do investimento total necesario- suporá unha mellora significativa para a rede de auga potable da que se benefician os veciños deste concello.
A antigüidade dos depósitos fai que presenten numerosas perdas de auga polo que o proxecto contempla, entre outras accións, a súa impermeabilización interior, para así garantir a estanquidade. Ademais a mellora evitará a necesidade actual de cloración, que pode ser de incluso dúas veces ao día, para manter a calidade no caudal demandado. Os depósitos están emprazados na parroquia de Pousada, situada no lugar de Vilagormar, e ademais dos veciños desta zona fornecen tamén a moitas das vivendas das parroquias veciñas, ademais de ser un elemento chave do conxunto da rede de abastecemento municipal.
Do mesmo xeito, José Manuel Balseiro anunciaba esta mañá que “a Xunta de Galicia segue apostando pola adecuación e mellora das vías e camiños rurais no termo municipal de Láncara e nesa liña avanza novas actuacións que se desenvolverán no núcleo rural de Saa, pertencente á parroquia de Santiago de Cedrón”. O ente autonómico ampliará a marxe das estradas e acondicionará o pavimento. A obra terá que estar rematada en tres meses e o seu investimento é de 20.000 euros.