A agrupación municipal Lugonovo fixo público esta tarde o seu rexeitamento á adxudicación dos cinco primeiros proxectos do programa Muramiñae – Da Muralla ao Miño á empresa INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería S A. Segundo indicou a voceira da agrupación, Cristina Pérez Herráiz “que a mesa de Contratación do Concello adxudique estas importantes obras de conexión da cidade e o río á mesma empresa que exercendo a explotación da Fábrica da Luz ten sido investigada no marco da Operación Pokemon evidencia a necesidade de revisar os mecanismos de contratación”.
Neste senso, a portavoz de Lugonovo considera “moi grande” a diferenza entre a cantidade de saída do proxecto (167.000euros) e a ofertada pola empresa (104.000euros), o que “nos fai dubidar sobre a súa veracidade”.
“Non queremos nin pensar – engadiu -nas condicións de contratación dos traballadores desta obra segundo estas condicións económicas” e considerou que as leis que obrigan a contratar a oferta máis económica para as obras públicas, deberían “ser limitadas” e ter como alternativa unha lexislación que “potenciase as mellores relacións calidade-prezo”, porque “o máis barato non sempre se corresponde co máis eficiente”.
Lugonovo recorda que a adxudicación da Fábrica da Luz á empresa INCA en 2008 xa se viu envolta nunha polémica incrementada cando o concelleiro Francisco Fernández Liñares se convertiu inmediatamente despois en presidente da Confederación Hidrógráfica, posto dende onde autorizou toda unha serie de intervencións vinculadas ao proxecto e de alto grao de impacto ambiental.
A estas mesmas intervencións de Liñares, fixo referencia esta mañá a edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, ao denunciar tamén esta concesión do goberno local. A edil lembrou que a empresa INCA “foi a responsable da construción ilegal dun dique no río Miño e está inmersa na operación Pokemon por sobornos e concesión ilegal na xestión da fábrica da Luz”