O Grupo Municipal Popular presentou esta mañá unha batería de propostas para mellorar a mobilidade na Ronda de Fingoi suxerindo a creación dunha rotonda na intersección desta vía con Alfonso X co obxecto de mellorar a fluidez do tráfico.
O voceiro da agrupación, Antonio Ameijide, subliñou que a intensidade de vehículos varía moito dependendo das horas de entrada e saída do centro escolar ou da afluencia de vehículos do Campus e das instalacións deportivas polo que en numerosas ocasións os sinais semafóricos ralentizan o paso de vehículos. Ameijide asegurou que a solución que propoñen é sinxela e pasa pola instalación dunha rotonda.
O voceiro do PP indicou que esta é unha das propostas que o seu Grupo presentará en Comisión para potenciar a mobilidade desta zona así como a de dar continuidade ao único tramo de carril bici que discurre paralelo a esta vía. Neste momento, segundo indican os populares, os únicos 1.500 metros de carril-bici de Lugo, “proxectados e construidos polo Partido Popular” sufren un deterioro importante. Ameijide detallou que “está despintada a sinalización horizontal, o mobiliario está deteriorado e faltan papeleiras. Asemesmo o pavimento nalgúns puntos levantado e roto, ademais os bordillos do carril bici están cubertos de malas herbas”.