Remata o mes de agosto e con el, vaise o verán, comeza de novo a rutina para a maioría e ponse o punto final ás noites de orquesteo. E na cidade de Lugo se hai que nos devolva de súpeto a esa realidade, non só é a volta do periodo de choivas, senón tamén as tradicionais festas da Milagrosa, que deron esta noite o seu pistoletazo de saída co pregón da man da alcaldesa da cidade, Lara Méndez, que estivo respaldada polos membros dos distintos grupos da corporación, polo presidente da Deputación, Darío Campos e ata polo subdelegado de Goberno en Lugo, Ramón Carballo.
As festas do barrio da Milagrosa, preludio ás patronais da cidade, volven a recuperar ano tras ano a forza que tiveron hai tempo e volven a situarse entre as citas ineludibles dos lucenses, algo que a rexedora quixo destacar no seu pregón. Méndez, quen lle agradeceu aos sete organizadores dos festexos que pensaran nela para ser pregoeira no seu barrio “excepcional e sobranceiro”, amosouse convencidada de que A Milagrosa será un exemplo de urbanismo dentro de 15 anos como o é hoxe de convivencia para toda a cidade, a provincia, a comunidade, e para todo o país.
Lara Méndez mostrouse orgullosa do seu barrio para o que quere, dixo “recuperar máis e máis espazos para a cidadanía”. A rexedora incluso dedicou un momento a lamentar as vítimas do atentado de Barcelona e Cambrils, onde dixo “moitas veces, ante as traxedias, véndennos solucións fáciles e incluso simplistas que rozan a xenofobia”, e asegurou que se gañaría moito máis “se seguiramos o exemplo de convivencia da Milagrosa! Todo o que quere vivir en convivencia ten cabida no noso Barrio”.