Lugo acollerá o II Festival do Leite como “capital do sector lácteo”

Reivindicar a importancia do leite e do sector lácteo na economía galega. Con este obxectivo se celebrará o II Festival do Leite en Lugo, cidade que os organizadores tildaron como “a capital do sector lácteo galego”, concretamente na zona do Parque do Pazo de Feiras e Exposicións. Así o presentou esta mañá a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da xerente da empresa propietaria da marca Deleite, organizadora do evento, Patricia Sánchez, o responsable de produción do festival, Manuel Tarrío e o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán, ademáis dun representante de Leite Noso, Pedro Boquete, no patio central do Vello Cárcere.

No acto, Lara Méndez amosouse “tremendamente satisfeita de acoller esta iniciativa na nosa cidade”, ao tempo que lembrou que existen unhas 200 ganderías de vacún de leite. “Temos que reivindicar o sector lácteo como imprescindible para Lugo e para Galicia. E neste senso hai que pór en valor esta iniciativa dos gandeiros que decidiron dar o paso de comercializar eles o seu leite, e con moi bos resultados”, subliñou a rexedora.

Pola súa banda, o padriño do evento, Touriñán, salientou os beneficios do leite, que aportan calcio, vitaminas, minerais ou proteínas, pero que”tamén nos trae literatura, música ou teatro galego, e que tamén alimenta as nosas almas co seu apoio decidido á cultura galega“.

Por último, Manuel Tarrío fixo unha presentación da cita, “un evento para toda a familia que contará con servizo especial de autobuses urbanos”. Entre a ampla oferta de música e actividades culturais, Tarrío destacou as actuacións de Caxade, Os Amigos dos Músicos, Escuchando Elefantes, Terbutalina ou Atrás Tigre, entre moitos outros. E
no espazo infantil haberá actuacións do mago Don Gelati, de Peter Punk, así como do famoso humorista gráfico Luis Davila.

Os beneficios económicos do Festival do Leite destinaranse a axudar ás persoas refuxiadas. Asemade, pídeselle ás persoas asistentes que aporten algún produto alimentario de primeira necesidade que se destinará aos Bancos de Alimentos. Deleite tamén doará unha cantidade de leite para as persoas máis necesitadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com