O voceiro do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo informou esta mañá do achádego dun niño de avespa velutina, de grandes dimensións, no entorno do parque Rosalía de Castro.
O nacionalista lembra como fai un ano reclamaron ao concello un plan municipal contra esta avespa, petición ante a que, segundo aseguran, o goberno local non fixo nada. Rubén Arroxo foi claro: “as velutinas están en Lugo e o concello debe prever un plan de actuación”.
A presenza deste niño, nas inmediacións do parque de Rosalía de Castro, foille advertida ao BNG por un técnico medioambiental que fixo o seguimento de exemplares de avespa velutina que foron vistos no propio parque. Grazas ao coñecemento deste técnico puido atoparse o niño situado nunha árbore de gran altura.