O Grupo Municipal Popular burelés denuncia que “Burela Bonita ten serios motivos para estar triste: Burela Bonita está sucia e por riba non a limpan, e, o que é peor, ninguén se preocupa de facelo”. Así o constataron os edís do PP, quen volveron a facer unha reportaxe fotográfica a mediodía do sábado e tamén onte, domingo, que proba e corrobora o que veñen mantendo dende principios de abril.
“Todo o que nos contou o alcalde das melloras que íamos ter coa nova empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria era unha enorme mentira. Por riba, estamos ante unha auténtica pandilla de incompetentes políticos para solucionar os problemas existentes”. E é que, subliñan, “o alcalde está de festa en festa ou abrazado a unha pancarta; o tenente de alcalde máis preocupado de posicionarse cara as vindeiras municipais e, unha concelleira de medioambiente, que non se entera de nada e só serve para sair nas fotos”, afirman.
A este respecto, matizan que no percorrido realizado “atopamos suciedade por todos os rincóns; rúas sucias que deberían estar limpas; papeleiras que non se vacían; colectores de papel e cartón sen vaciar; enseres sen recoller; bolsas con roupa no chan; e moitos desbroces dos denunciados hai tres semanas, e tamén dos non denunciados, sen facer, co conseguinte risco para as persoas”, advirten.
Por todo elo, os populares aseguran que “esta é a triste realidade da Burela de hoxe en día no tocante á limpeza. E esta realidade reflicte outra, a incompetencia política dos que nos gobernan, que mentiron no seu día con este asunto e que agora se demostran incapaces de solucionar os problemas existentes. Deberían ir collendo a porta de saída”, sentencian.