O PP denuncia o retraso do Concello para programar o San Froilán

A concelleira do Grupo Popular Municipal, Encarna Amigo acusou ao equipo de goberno do concello de Lugo de “desgana e falta de ideas á hora de preparar o cartel dunha das citas festivas máis importantes do outono galego” e asegurou, que dende o punto de vista do seu partido, a estas alturas debería estar todo pechado pero quedan “moitos flecos pendentes”. 

A edil afirmou que o retraso na difusión do programa na súa totalidade restará afluencia de público ás patronais indicando que “se tiña que ter impreso xa en verán para distribuilo nos principais focos de atracción como son o norte de Portugal, as cidades coas que estamos irmanados así como na rede de albergues do camiño”.

Encarna Amigo considera que “o feito de non ter programas e cartelería dificulta a súa promoción o que podería restar afluencia de público”. De feito, na páxina web oficial do San Froilán, así como nas contas de twitter e facebook, pódese ler neste apartado que aparecerá “PROXIMAMENTE” algo que para a popular “é unha clara evidencia de que os socialistas non están á altura para organizar o cartel dunha festa declarada de interese turístico Galego e Nacional”. “Son incapaces de facer as cousas en tempo e forma”, manifestou Amigo quen insistiu en que “o goberno de  Lugo improvisa ao máximo”.

A edil lamenta que “a falta de ilusión do goberno local por potenciar o San Froilán repercuta na categoría da festa xerando unha percepción de que hoxe para Lugo é mellor o Arde Lucus que o patrón”. “Aquí non se trata das preferencias que teña o concelleiro de turno, hai que respetar as tradicións e dárlle o protagonismo que merecen” reflexionaba a popular.

Doutra banda, o PP xa arrancou hoxe o seu programa de traballo, presentado polo voceiro da agrupación, Antonio Ameijide, o pasado venres. Falaban de reunións coa veciñanza e cos traballadores do Concello, e así o fixeron. O portavoz, acompañado do vicevoceiro, Enrique Rozas, falaron con algúns sectores dos traballadores municipais e constataron “como o déficit de comunicación interna e de organización do goberno socialista afecta ao funcionamento da administración local”.

Os populares afirman que pola dispersión física das diferentes unidades e os espazos de traballo onde as persoas prestan os seus servizos e que están repartidos en varios edificios. O programa de visitas se prolongará durante os próximos meses xa que “pretendemos escoitar de forma colectiva e individual a todos os que queiran intercambiar opinións con nós”. O voceiro popular Antonio Ameijide tamén avanzou que segue pendente de que a alcaldesa “confirme data e hora da reunión que solicitou o Grupo Popular o pasado venres co obxecto de trasladarlle propostas vinculadas coa situación interna do Concello, así como coas políticas de emprego, o urbanismo, a mobilidade e o mantemento dos barrios”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com