110 establecementos da cidade sacarán o vindeiro venres día 8 de setembro a súa mercancía as rúas da cidade con grandes descontos na XI edición do Comercio na Rúa, Street Market que organiza a Asociación de Autónomas de Lugo. Así o presentou esta mañá no Concello, Marta López, presidenta desta asociación quen asegurou que o comercio lucense “está sufrindo un cambio e estas xornadas de descontos axudan a achegarse máis aos clientes”.
O pequeno comercio é, segundo os datos ofrecidos pola alcaldesa Lara Méndez e a deputada de Economía, Mayra García, ambas presentes no acto, un dos sectores máis importantes da cidade, significando máis do 14% do PIB de Lugo e “dando traballo a máis de 12.500 familias na provincia”, segundo asegurou García, quen engadiu que “tendo en conta todas estas cifras oficiais, cremos que é necesario concienciar á cidadanía sobre a importancia de mercar nos comercios que temos ao pé da nosa casa, que axudan a dinamizar a economía da nosa provincia e de impulsar a compra neles”.
De aí que bolseiros e técnicos da Fundación TIC realizarán reportaxes para recoller o ambiente nas rúas e nos negocios participantes para difundir esta iniciativa. A Deputada sinalou que “coa colaboración da institución provincial e da TIC queremos contribuír a impulsar a vida comercial no centro da cidade. Hai que ter en conta que o sector do comercio da emprego a unhas 12.500 familas da provincia, nos máis de 5.000 establecementos que se distribúen no conxunto do territorio lugués, cunha media de 2,5 persoas traballadoras por negocio”.