A Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Mariña, órgano de máxima representación dos traballadores deste ámbito, celebrou hoxe concentracións en tódolos centros sanitarios da Comarca para novamente esixir á Xunta de Galicia a retirada do anteproxecto de Lei “que pretende borrarnos do mapa como Área Sanitaria” e reclaman a capacidade de xestionar dende a Comarca tanto os centros de saúde como o hospital Mariñán para deste xeito, ofrecer unha prestación sanitaria de proximidade.
A modificación da Lei de Saúde o que prentende, segundo indican desde a Xunta de Persoal do centro, é legalizar a mobilidade de profesionais cara o HULA e centralizar no gran hospital as intervencións cirúrxicas e as probas diagnósticas. Os sanitarios da Mariña rechazan pertencer a Área Sanitaria de Lugo, xa que iso significa centralizar os recursos sanitarios na capital e incrementar os desprazamentos da cidadanía da Mariña cara Lugo.
A estas reivindicacións uníronse tamén diversos grupos políticos, como o PSdeG- PSOE, quen tivo participación activa destas concentracións en apoio ao persoal dos hospitales comarcais. Así, o portavoz parlamentario do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, participou na concentración dos traballadores do Hospital de Monforte, onde reclamou tamén a retirada do texto cando aínda é anteproxecto de Lei, xa que “vai no camiño de reducir os servizos de proximidade e de empeorar a atención sanitaria”. Fernández Leiceaga acompañou ao alcalde de Monforte, José Tomé, no acto.
Tamén presente nesta concentración estaba Luis Villares. O voceiro de En Marea rexeitou o anteproxecto de Lei en declaracións a medios trala manifestación, na que participou xunto á deputada Paula Vázquez Verao. Para Villares, o deterioro da atención sanitaria en Galicia “vén de atrás” e en zonas coma o sur da provincia de Lugo “estamos vendo como nos últimos anos durante os meses de verán se recortaron servizos coma o de Pediatría en Chantada ou no Caurel ou no propio hospital comarcal de Monforte; servizos que se presentaban ata hai pouco tempo como é o do aparato dixestivo, radioloxía ou cirurxía xeral agora están notablemente empobrecidos facéndose operacións en Lugo que antes se facían neste centro”.
Pero se alguén apoia esta Lei da Saúde, é o PP. Daniel Vega, deputado autonómico do Partido Popular, lamentou que este colectivo de sanitarios, coas manifestacións que está a realizar nos últimos días, estea a demostrar que “está claramente ao servizo dos partidos de esquerda”. Deste xeito, critica que a plataforma “estea a facer política co fin de desprestexiar ao Goberno galego”. Con todo, o deputado na Cámara galega advirte que dende a Xunta e dende o Partido Popular seguirán traballando e defendendo Sanidade da Mariña.