A Xunta de Galicia comunicou esta tarde que durante o día de mañá iniciará as obras de reparación na ponte de Carracedo, viaduto que serve de paso para a estrada autonómica LU-622 e que une os concellos de Sarria e Láncara. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as obras consistirán na reposición do muro que serve de petril e na retirada das pedras derrubadas que poden supoñer un obstáculo para a circulación.
A medida contribuirá tamén a garantir a seguridade viaria e a evitar que as pedras danadas poidan causar algún problema a viandantes ou terminen por precipitarse ao río Neira. A Consellería de Infraestruturas e Vivendas actuou recentemente na mellora desta ponte e no pavimentado da plataforma pola que transcorre a estrada autonómica e agora complementa eses traballos con esta nova actuación.
A obra executarase con cargo ao contrato de mantemento e conservación ordinario que, neste espazo, corresponde á empresa Bascuas.
Tratamento forestal
Doutra banda, o ente autonómico investirá máis 1,8 millóns de euros en tratamentos forestais preventivos na Montaña lucense e nos concellos da área oriental da provincia. As iniciativas consistirán, fundamentalmente en rozas, limpezas vexetais e distintos tratamentos (tales como podas, cortas, clareos) en montes particulares de xestión pública, todos eles montes veciñais en man común.
Son tarefas que ademais reforzan as medidas de prevención e defensa fronte os lumes forestais de cara aos vindeiros meses, pois aínda estamos na época de alto risco de incendios e continúan as baixas precipitacións. A zona de actuación é moi ampla, abarca 14 municipios desde A Fonsagrada ata Quiroga e prevese actuar, nas vindeiras semanas, en 623,58 hectáreas. Ademais dos dous sinalados actuarase nos termos municipais de As Nogais, Cervantes, Navia de Suarna, Negueira de Muñíz, Baleira, Baralla, Becerreá, Pobra de Brollón, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, no Incio e en Triacastela.