O grupo municipal de Cidadáns denunciou esta mañá graves deficiencias na rúa Ramos Misioné, situada na Aceña de Olga, malia que foi reformada a comezos deste mandato. A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, explicou que “as obras quedaron a medias e supoñen un grave perigo en canto a seguranza viaria”.
Segundo detallou Olga Louzao, “o Concello de Lugo publicou no BOP o 16 de outubro de 2015 a contratación dos traballos de renovación do pavimento e sinalización neste vial que conecta Alfonso X O Sabio coa rúa da Zarra por un importe de 29.330 euros, pero a empresa adxudicataria non rematou a obra”. En concreto, malia que había prevista no proxecto unha partida de 4.859 euros destinada a sinalización horizontal e vertical, esta nunca chegou a acometerse, polo que esta rúa, de dobre sentido, carece de regulación viaria e de estacionamento”.
A voceira de Cidadáns asegurou que “corresponde ao Concello a regulación e sinalización do tráfico na cidade” e explicou que “esta foi unha das primeiras obras que executou a actual alcaldesa, Lara Méndez, e dous anos despois aínda está sen acabar malia que se trata dunha obra de pouca envergadura, o que dá boa mostra da nula capacidade de xestión deste equipo de Goberno”. A obra, executada pola empresa Asogal, atópase aínda en periodo de garantía, polo que Cidadáns urxe ao Concello a través dunha iniciativa presentada para que exisa á empresa o seu remate ou, do contrario, acometa directamente os traballos pendentes con cargo ao depósito efectuado pola adxudicataria. “O que non é de recibo é que dous anos despois os veciños e veciñas que viven nesta rúa ou pasan por ela a diario sufran as consecuencias da desidia e a ineficacia ás que nos ten acostumados este Goberno municipal”, afirmou”.
Lugonovo saiu ao paso destas declaracións de Louzao, lembrando que xa o seu partido presentara un rogo no Concello con data de xaneiro de 2017, denunciando o mal estado desta rúa e reclamando o seu amaño.