O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, informou esta mañá sobre as obras de mellora que se remataron no Centro Ocupacional de ASPANANE, de Viveiro e que financiou na súa totalidade o Goberno Provincial con 35.000 euros. Campos Conde explicou que “ampliamos as únicas instalacións na Mariña Occidental que ofrecen este servizo a persoas con discapacidade intelectual, pois tras estas melloras este colectivo pasará de ofrecer 35 prazas a 50. Creo que hoxe de novo demostramos que traballamos por unha Deputación coas persoas, social e rural; que atende ás necesidades dos veciños”.
O titular provincial supervisou hoxe as actuacións levadas a cabo nestas instalacións, situadas en Viveiro, xunto á Alcaldesa deste Concello, María Loureiro García. Ambos os dous mantiveron encontros cos usuarios e familias. Con dito orzamento, o Goberno da Deputación permitiu, por un lado, renovar a fachada do edificio onde ASPANANE ofrece na actualidade o servizo de centro ocupacional a 35 usuarios, poñendo fin ás filtracións de auga e goteiras existentes ao mellorar o illamento do inmoble.
Ademais, acondicionouse por completo o interior da nave contigua a estas instalacións que estaba en desuso. É neste novo espazo, que conta con 400 metros cadrados, onde agora se pode ampliar a prestación de centro ocupacional, ofrecendo 15 novas prazas, acadando, deste xeito, un total de 50. “Hoxe ASPANANE atende familias de Ourol, Viveiro, O Vicedo, Xove e Foz no seu Centro Ocupacional, e ten, cando menos, a outras 6 na listaxe de espera, que deixarán de estalo este mesmo ano grazas a estas novas instalacións”, subliñou Campos Conde.
Ademais de ampliar as prazas, con estas obras o Goberno da Deputación consegue que as instalacións de ASPANANE se adapten ao novo Decreto 149/2013 que aprobou a Xunta de Galicia, permitindo a continuidade deste servizo.