O BNG-AA pedirá que o pleno declare á familia do ditador e á Fundación Franco “non gratas” no Concello de Lugo

O voceiro do BNG – AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, informou que no vindeiro pedirá “declarar a familia do Ditador e a Fundación Franco non gratas no Concello de Lugo”. Ademais os nacionalistas solicitarán, tamén a través dunha emenda de engádega á iniciativa presentada por Lugonovo, que se faga “unha condena pública das declaracións da Fundación Franco nas que expresaba a súa intención de usar as visitas guiadas ao Pazo de Meirás para facer apoloxía da Ditadura e do Ditador.” Arroxo explicou que “tamén incluiremos unha proposta  para  instar á Xunta de Galicia á elaboración dunha Lei galega de memoria histórica na que se prohiban, persigan e sancionen os actos de exaltación do franquismo e as entidades que os promovan”.

O voceiro do BNG – AA afirmou que “todo o que está a suceder cos herdeiros do ditador, esta situación escandalosa e indignante é posíbel pola complicidade e a permisividade das institucións do Estado e da Xunta de Galicia, gobernadas polo PP, que consinten, amparan e protexen a Illa de impunidade e o parque temático franquista en que se convertiu o Pazo de Meirás e outras propiedades da familia Franco e da Fundación Francisco Franco”. 

Arroxo lembrou que o “grazas ao BNG conseguiuse que desapareceran do rueiro lucense nomes de rúas que facían apoloxía do réxime ditatorial franquista e tamén foi grazas ao BNG que se retiraron os títulos honoríficos que o ditador conservaba nas institución locais e provinciais lucenses” e engadiu “seguiremos traballando para resarcir ás vítimas da represión e para que se devolva ao patrimonio público os bens que foron roubados polo ditador”.

Apoio ao Movemento Feminista

Pola súa banda, a edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, anunciou o apoio da formación que representa á mobilización convocada polo Movemento Feminista Galego baixo o lema Un maltratador non é un bo pai, que terá lugar mañá a partir das 19:00 horas desde a Praza Maior. Esta mobilización forma parte das convocatorias do Movemento Feminista Galega que levarán a distintas vilas e cidades do país a necesidade para pedir ampara lexislativo para as mulleres e crianzas que quedan na indefensión.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com