A agrupación municipal Lugonovo denuncia que a existencia dun vertedoiro “improvisado e, a todas luces, incontrolado” na rúa Lamas de Prado, ameaza a salubridade e a hixiene de varias vivendas próximas. Para a súa voceira, Cristina Pérez Herráiz “non é de recibo que a veciñanza de Lugo teña un estercoleiro á porta das súas casas, como tampouco nos parece lóxico que a administración local se desentenda do problema e permita que, semana tras semana, se sigan acumulando alí os residuos con total impunidade”.
A edil afea que esta estampa non é froito “dun día nin de dous, senón a viva imaxe da deixadez dun executivo que, definitivamente, prefire mirar para outro lado”, e asegura que os residentes deste barrio xa formularon reiteradas queixas sobre a presenza non só de lixo nos soares baleiros, senón tamén de colonias de roedores e pragas de pombas o que, para Lugonovo, é a consecuencia do “desleixo” do Concello.
Outra das queixas comúns da veciñanza así como desta agrupación son as leiras da contorna onde, o estado de abandono é tal que, a maleza alcanza, en altura, ao cableado do tendido eléctrico. Neste eido, a portavoz da formación lembra que esta é a terceira petición que Lugonovo realiza ao respecto requerindo a intervención municipal.
Os edís da agrupación instan, unha vez máis, ao executivo a limpar en profundidade e a acondicionar os espazos públicos para que cumpran as mínimas garantías sanitarias e de servizo para toda a poboación . “Vai sendo hora de que o executivo atenda ás obrigas que lle corresponden”, conclúe Pérez Herráiz.