O voceiro do BNG-AA no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que levarán ao Seprona e á Confederación Hidrográfica unha denuncia dos verquidos de augas fecais e residuais que se dan no cauce do río Rato na zona de A Garaballa. O voceiro nacionalista reuniuse cun grupo de veciñas e veciños da Gabaralla para buscar solucións ao problema provocado pola falta de mantemento da rede de augas residuais. “O BNG buscará unha solución para eliminar as augas fecais da Garaballa” afirmou Rubén Arroxo, quen lembrou que o seu partido xa ten presentado diversas iniciativas no Concello para que dera solución, co resto de administracións implicadas, a esta “situación terceiromundista”.
Dende fai anos, segundo indican os nacionalistas, existe un importante problema de saneamento do río que bordea as vivendas desta zona da cidade e que afecta directamente a toda a veciñanza da zona. “Mosquitos, cheiro, contaminación e augas fecais é o que viven a diario as veciñas e veciños do barrio de Albeiros” dixo Rubén Arroxo. A situación nesta zona ven derivada do mal funcionamento do pozo de tormenta situado entre a a Av. Infanta Elena e o barrio da Garaballa, “un pozo de tormenta que supuxo un elevadísimo investimento e que nunca funcionou por que ningunha administración se fai cargo do seu mantemento” explicou o voceiro do BNG-AA.
Rubén Arroxo sinalou que “non é a primeira vez que o BNG denuncia esta situación que se ven prolongando dende fai anos e veciñas e veciños están fartos de aguantar o cheiro e as picaduras dos mosquitos”. Neste tramo alto do río Rato pode percibirse perfectamente de onde proceden as augas fecais que se incorporan ao cauce do río e o estado de “morte biolóxica” no que se atopa o río nesta zona.