A edil do Grupo Municipal Popular, Encarna Amigo, asegurou esta mañá que o seu grupo proporá sinalizar na praza Pío XII, aos pés da Catedral e fronte a porta Santiago da Muralla, a confluencia nese mesmo punto dos tres Patrimonios da Humanidade dos que pode presumir a cidade de Lugo.
Encarna Amigo, que estaba acompañada polo seu compañeiro, o edil Ángel Trabada, e o voceiro da agrupación, Antonio Ameijide, explicou que é “un luxo poder acceder dende un único punto aos tres patrimonios dunha cidade” e cre que “non podemos perder a oportunidade de difundir a riqueza que supón esta concentración de monumentos e bens declarados patrimonio mundial”.
Os populares suxiren que se organice un concurso de ideas para que se deseñe o elemento que promocionaría este punto que ben podería ser “unha escultura, un monolito… que represente a riqueza que podemos admirar neste enclave”. Os populares aclaran que “estamos falando dun lugar único do que podemos presumir e que debemos sinalizar”, engadindo que tamén se podería acompañar dun tótem informativo dixital
onde o viaxeiro poda buscar, de xeito doado, toda a información que pode necesitar para coñecer a Muralla, Catedral e Camiño Primitivo así como acceder a información gastronómica e de eventos programados polo Concello”.
Encarna Amigo e Ángel Trabada matizaron que “tendo en conta que nos últimos tempos temos un turista urbano moito máis definido, o primeiro servizo que debemos ofertar é unha información clara do producto que temos en Lugo”. “De pouco sirve preservar o patrimonio se logo non somos capaces de sinalizalo para rentabilizar a nivel local a riqueza coa que contamos” reflexionaron os edis.
Amigo e Trabada incluso suxeriron que se abra unha liña de acordos con hostaleiros, comerciantes e a Iglesia para, de cara ao futuro, abordar accións conxuntas e implicar a toda a sociedade nun programa de promoción dos 3 patrimonios da humanidade”.