O Grupo Municipal Popular, abandonou esta mañá a Comisión de Festas na que o goberno local pretendía informar do programa do San Froilán 2017, e fixérono en sinal de protesta ante a forma que ten a edil da área de Cultura, Carmen Basadre, de “dirixir esta comisión”.
Os populares estaban representados nesta mesa por tres ediles: o seu voceiro, Antonio Ameijide, o concelleiro Ángel Trabada e a edil Encarna Amigo, quen admitiron sentir que o goberno local “de forma sistematica ningunea á oposición” indicando que se os socialistas tivesen un interese real de facer unhas “festas de todos, deberían mudar o sistema de traballo e facelo moito máis aberto e participativo”.
Ameijide explicou que plantaron esta mañá a Comisión para visualizar “o malestar do seu grupo pola forma coa que se está dando a coñecer o cartel de concertos” referíndose a que “nos enteramos polos medios de comunicación das actuacións cando xa están pechadas”. O voceiro dos populares salientou que hoxe “in extremis” nos convocaron unhas horas antes que aos medios de comunicación, para presentarnos a programación e “non podemos admitir este ninguneo” declarou. “É unha hipocresía que nos xunten para enumerar un programa que podemos ler nos medios casi en tempo real” reflexionou.
Cidadáns propón máis participación
Neste mesmo eido, pero con outra mentalidade atópase a voceira do grupo municipal de Cidadáns Lugo, quen propuxo esta mañá que Comisión de Festas para o San Froilán estivera formada tamén por outros sectores que puideran estar interesados na participación da organización dos actos festivos.
Olga Louzao refería así que a hostelería, os comercios ou as asociacións de veciños poidan participar dunha forma activa nesta Comisión, pois, “non podemos esquecer que para Lugo as festas do San Froilán son un forte reclamo turístico que o equipo de Goberno aínda non foi quen de saber aproveitar ao máximo e tamén un importante motor económico para a cidade que precisa a implicación de todos os sectores”.
“Queremos que as festas do San Froilán, como patrimonio que son de todos, non sexan organizadas só por politicos, como pasa hoxe en día, senón por toda a sociedade non só para que sigan sendo as grandes festas de Galicia que son, senón para lograr que cada ano sexan un pouco mellores”, argumentou Louzao, quen criticou a actitude do PP esta mañá na Comisión de Festas.
“Independentemente da xa habitual forma improvidada de traballar deste Goberno, Cidadáns considera que todos deberiamos colaborar en que as festas do San Froilán sexan un ano máis un éxito, por iso non compartimos a postura do Partido Popular desta mañá de marchar da Comisión de Festas porque nos parece un desprecio ás nosas festas e sobre todo aos lugueses máis que unha crítica ao mal facer deste Goberno”, afirmou a voceira de Cidadáns. “Pódenos gustar máis ou menos o programa, pero o verdadeiro éxito do San Froilán é a participación de todos os lugueses e luguesas, así que desde Cidadáns esperamos que todos os lugueses as disfruten a pesar dos erros que, como xa é habitual, comete este Goberno municipal”, dixo.