A Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionará ao Concello de Sarria a contratación de 10 perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) que, ao longo dos próximos meses, se encargarán de reforzar diversas tarefas de interese e utilidade social. A medida, segundo anunciou o Delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, busca favorecer a inserción laboral destas persoas e evitar a súa cronificación nunha situación de exclusión.
En Sarria, a Xunta autoriza a contratación de 10 traballadores que se incorporarán ao servizo de parques e xardíns. En concreto, o Goberno galego achega para este fin máis de 102.000 euros que servirán para financiar a totalidade dos custos salariais destas persoas, incluída a cotización a Seguridade Social.
Para 10 veciñas e veciños de Sarria este apoio autonómico representará unha oportunidade laboral ademais dun cambio significativo, xa que grazas a esta iniciativa do Goberno galego, pasarán de percibir a Risga a obter un salario polo traballo satisfeito.
Noutro eido, o ente autonómico financia con preto de 34.000 euros tres proxectos de mellora de infraestruturas que promoven outros tantos colectivos cidadáns do concello de Lugo. O delegado territorial explicou que as entidades beneficiarias son as asociacións de veciños Peizal-Outeiro, As Regas de Carballido e Esperante.
O obxectivo destes investimentos é facilitar que os colectivos veciñais poidan executar proxectos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos que lles corresponda o dereito de uso, camiños veciñais e traídas de auga veciñais.
Deste xeito, a Asociación de Veciños Peizal Outeiro recibiu 12.000 euros para a restauración interior e 5.000 euros para o equipamento da casa reitoral, e á das Regas destináronse 12.000 euros que investirá no asfaltado dunha pista. Nestes casos a consellería outorgou a a axuda máxima prevista na orde de convocatoria.
Pola súa banda, a Asociación de Veciños de Esperante obtivo 4.797,65 euros para comprar equipamento para o seu local social, o que significa que a subvención cubre a totalidade do investimento realizado ao non superar o límite da axuda máxima establecida -12.000 euros para obras, 5.000 euros para equipamento-.