As forzas de seguridade unirán recursos de cara ao San Froilán 2017

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, copresidiron este luns, no Salón de Plenos do Concello, a Xunta Local de Seguridade que, como cada ano, se celebra antes das festas de San Froilán co fin de preparar e coordinar o dispositivo que garanta a seguridade e o normal desenvolvemento das patronais, que terán lugar do 4 ao 12 de outubro.

A rexedora sinalou que, “aínda que a alerta de ameaza terrorista permanece dende xa hai anos no nivel 4 e que todos os anos abordamos o dispositivo de seguridade do San Froilán con total rigorosidade, é certo que todos estamos máis sensibles polos atentados ocorridos recentemente en Cataluña e faremos un reforzo da seguridade”. Neste senso, Méndez explicou que na Xunta Local de Seguridade acordouse utilizar os vehículos policiais como obstáculo para impedir o acceso de vehículos a gran velocidade nos lugares de maior aglomeración das festas –o recinto feiral e o casco histórico-, a medida considerada idónea “para facer posible a necesaria compatibilidade do acceso dos residentes e dos vehículos de emerxencias co fin de atender calquera incidencia con rapidez co reforzo da seguridade”.

En canto á instalación na rúa de bolardos ou outro tipo de elementos de carácter permanente, a alcaldesa ratificou que o Goberno está estudando este tipo de medidas nos puntos que poden resultar máis conflitivos, e sempre, indicou, “compatibilizándoas co acceso de residentes e vehículos de protección á comunidade”.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno anunciou o compromiso da Policía Nacional de colaborar coa Policía Local para garantir que os festexos discorran sen incidentes, así como para previr a comisión de posibles feitos delictivos. Neste senso, Ramón Carballo confirmou que a Policía Nacional reforzará a súa presenza nas rúas, especialmente nos días e eventos con maior afluencia de xente. Carballo fixo un chamamento á tranquilidade da poboación da cidade de Lugo onde non existe ningún foco que faga pensar nun atentado yihadista.Asemade, a Garda Civil de Tráfico realizará controis nas principais vías de acceso á cidade.

Tras a Xunta Local de Seguridade desta mañá, os forzos e corpos de seguridade manterán varias mesas técnicas de traballo máis para definir polo miúdo o dispositivo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com