En coincidencia co inicio do curso escolar, a Xunta de Galicia pon en marcha unha nova edición do programa Almorzos saudables nos colexios da provincia de Lugo, dirixido a “fixar hábitos saudables na alimentación dos máis pequenos e mellorar a saúde bucodental dos nosos escolares”.
Así o explicou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que engadiu que a iniciativa está dirixida ao alumnado de quinto e sexto de educación primaria e bota a andar, mañá e o xoves, no CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei. O programa está promovido pola Consellería de Sanidade en colaboración coa de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A actividade consiste na elaboración e degustación de almorzos saudables no propio centro. Ao comezo, impartirase unha breve charla informativa e motivadora sobre a importancia do almorzo e dunha dieta equilibrada para acadar un desenvolvemento san, e concluirá con outra charla sobre saúde bucodental e sobre técnicas de cepillado.
A actividade ten lugar en horario lectivo e o centro educativo faise cargo do almorzo, coa participación do profesorado e tamén dos pais e nais. A Xunta entregará a cada alumno un cepillo de dentes, a pirámide dos alimentos e un mantel individual.
Os menús ofértanse en dúas mañás, con lixeiras variacións. Inclúen lácteos, pan, tomate, aceite, xamón cocido ou serrano, froita e froitos secos, e son optativos o cacao puro e o azucre.