En cumprimento dun acordo plenario, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocou esta tarde a comisión de seguimento do EDUSI, o proxecto Muramiñae, da Muralla ao Miño, que, cun orzamento de 12,5 millóns de euros, conseguiu o Goberno local para unir a cidade e o río. Na sesión, a rexedora deu conta aos grupos políticos da Corporación dos avances do programa, isto é, a adxudicación da redacción dos seis primeiros proxectos: a reforma da Volta da Viña, a construción dunha pasarela peonil ao campo de fútbol, a prolongación do paso subterráneo baixo a N-VI, a posta en valor do patrimonio do Carme, a descontaminación dos solos deste barrio e a creación de 16 quilómetros de carrís bici.
A Alcaldesa preside a comisión, que ten como vicepresidente ao voceiro municipal, Miguel Fernández, e da que forman parte a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, tres edís do PP, e un por cada un dos restantes grupos: Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE.
Pola súa banda, o voceiro do PP no Concello, Antonio Ameijide, que estivo presente nesta comisión, valorou negativamente este encontro. O popular amosou a súa preocupación polo futuro dos proxectos que se van a realizar en Lugo, financiados con fondos europeos, no marco da Estratexia DUSI. O voceiro popular Antonio Ameijide teme que o traballo “a golpe de improvisación por carecer dun proxecto claro de cidade derive nun Plan E caracterizado por problemas de sobrecustes e obras inacabadas”.