Este sábado 21 de febreiro, a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acollerá desde as cinco da tarde, a proba final do concurso escolar de recitado de poesía “Rosalía sempre viva”.
Trátase dunha iniciativa que busca festexar o día do aniversario de Rosalía de Castro, que terá lugar o 24 de febreiro.
En total serán 74 os alumnos, chegados de centros de toda a comunidade e de todas as etapas do ensino non universitario, os que participarán na proba final do concurso. Todos os rapaces foron previamente seleccionados nunha primeira fase do concurso nos seus centros.
Un xurado, que vai estar composto polos escritores Paco Martín e Marica Campo e pola profesora Anxa Refoxo, será o encargado de avaliar a calidade dos recitados e de decidir os gañadores. Valoraranse aspectos como a naturalidade no recitado, a expresividade, a memorización ou o grao de dificultade do poema escollido.
Haberá catro premios individuais, un por categoría, e un premio especial para o centro que aporte máis participantes na fase final do concurso.