O Concello de Lugo elaborou un dispositivo especial de tráfico e mobilidade para garantir a seguridade cidadá e o éxito do San Froilán, que xeran un importante tránsito, tanto de persoas, como de vehículos, en toda a cidade. Deste xeito, coa posta en marcha deste dispositivo, a entidade local pretende minimizar os inconvintes á veciñanza, ao tempo que se aseguran as mellores condicións destes festexos.
O Concello solicita a colaboración cidadá pedindo aos veciños que reduzan o uso dos coches e fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios: dous en Campos Novos, As Termas e Sanfiz.
As festas, como vén sendo tradicional, celebraranse nas vías inmediatas ao Parque Rosalía de Castro (lugar de localización do recinto feiral). A praza Horta do Seminario acollerá os distintos concertos, o patio do edificio administrativo do concello destinarase para actividades e espectáculos do San Froilán Miúdo, o cantiño Nemesio Cobreros e a explanada contigua á rúa Soto Freire estarán dedicadas a diferentes exposicións.