A Deputación instará á Xunta a retirar o anteproxecto de Lei de Saúde

O Goberno da Deputación insta á Xunta de Galicia a retirar o seu anteproxecto de lei co que “busca recortar servizos sanitarios nas áreas da Mariña e Lemos, prexudicando aos 130.000 lucenses cuxos hospitais de referencia son os de Burela e Monforte”.

Faino a través da moción que presenta dende o Grupo Provincial Socialista ao vindeiro Pleno, que terá lugar o martes 26 de setembro, coa que tamén reclama ao Executivo autonómico desenvolver e dotar de orzamento á actual Lei de Saúde para verdadeiramente ofrecer aos veciños os servizos sanitarios públicos que necesitan.

O Goberno Provincial pide ademais á Xunta a creación dun grupo de traballo, que inclúa representantes de todos os partidos políticos con representación no Parlamento de Galicia, FEGAMP, sindicatos, asociacións de pacientes, colexios profesionais de sanidade e outros colectivos de referencia no eido sanitario galego, para determinar as posibles necesidades de modificación da lexislación sanitaria.

O obxectivo é que este grupo elabore un informe de conclusións, que sexa de acceso público e que propoña as posibles melloras normativas no sistema sanitario galego.

A proposta do Grupo Provincial Socialista, como formación que conforma o Goberno da Deputación de Lugo, será debatida na sesión plenaria do martes. De acadar a súa aprobación, os acordos propostos serán trasladados ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Conselleiro de Sanidade.

Motivos da moción

O Executivo Provincial do PSOE presenta esta iniciativa logo de que o Goberno do PP na Xunta de Galicia elaborase unilateralmente un anteproxecto de lei co que busca modificar a Lei de Saúde de Galicia. Sen consenso algún, o Executivo popular autonómico publicou este anteproxecto durante a época estival no DOGA para continuar coa súa tramitación de xeito imperativo. Todo isto, aínda supor modificacións de grande calado no sistema sanitario, pois afecta ao mapa de saúde, aos recursos, á formación, á investigación ou á participación no modelo público sanitario, entre outras cuestións.

Un dos aspectos que máis preocupan ao ente provincial é, precisamente, “a reorganización do Mapa Sanitario de Galicia que inclúe o anteproxecto, pois o Partido Popular dende o Goberno da Xunta busca co mesmo avanzar cara un modelo claramente máis concentrado en detrimento das áreas sanitarias rurais e semiurbanas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com