O comercio lucense sigue a traballar para dinamizar as rúas da cidade. Se hai unhas semanas víamos como as tendas da cidade enchían as rúas no Street Market, hoxe a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Marta López, e o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, presentaron a VIII Noite Aberta, que acollerá Lugo este venres, 29 de setembro, a partir das 18:00 horas.
O Concello volve estar de novo ao lado do comercio, patrocinando esta iniciativa que impulsa as compras de proximidade. No acto, a edil agradeceu o traballo diario da Asociación de Autónomas por creer e apostar polo comercio de Lugo e por impulsar iniciativas que o dinamicen, como é a Noite Aberta, que xa se pode considerar unha cita referente en Lugo, que marca o inicio dos festexos do San Froilán.
Para rematar, Ana Prieto convidou ao pobo de Lugo a participar neste día de descontos e diversión así como a mercar ao longo de todo o ano nos establecementos de Lugo. Nesta liña tamén insistiu Seijas, que enxalzou as potencialidades do comercio lugués. A Deputación de Lugo, consciente da resposta social que hai detrás da Noite Aberta e do impulso que supón para o sector do comercio, colabora con esta cita, tanto a través da propia entidade provincial como da Fundación TIC, que grabará a xornada para difundila despois.
Pola súa banda, Marta López, quen agradeceu o apoio ás institucións colaboradoras, “coñecedoras da importancia do comercio de proximidade”, avanzou as actividades enmarcadas dentro desta VIII Noite Aberta, na que participarán máis de 90 establecementos do centro da cidade, identificados cunha alfombra rosa, que a partir das 18:00 horas ofrecerán múltiples descontos nun amplo catálogo de produtos dende téxtil a calzado, complementos ou xoias, así como sorpresas pra todas as persoas que se acheguen a ditos locais.