Xornada de Xunta de Goberno no Concello de Lugo, na que se acadaron varios acordos. Un deles, do que xa se viña falando no mes de agosto, traerá consigo o desmonte dalgúns cubos da Muralla. Esto ven dado pola solilcitude de licenza, por parte da Xunta de Galicia, para a restauración integral destes cubos, que serán o XIX, o LXX, o LXXI e o LXXX. A Muralla non correrá ningún risco con estas actuacións, aínda que coleven o desmonte de parte do seu muro. O voceiro do Concello, Miguel Fernández explicou as accións que a Xunta fará nos cubos do Monumento declarado Ben de Interese Cultural.
“No cubo XIX farán tarefas de valado na zona de actuacións, colocación de estacas e desmonte da rede eléctrica ou rego, desmontaxe e reconstrución do muro de cachotería de lousa e colocación de sopena de lousa sobre o mesmo. Evacuación manual do recheo ata o inicio das escaleiras existentes e execución dun novo recheo no adarve e impermeabilización do adarve, execución de mechinais para evacuación da augas de escorrentía e reposición de rede eléctrica do alumeado”, explicou o voceiro. No caso do cubo LXXX, as intervencións previstas consisten na retirada do pavimento do adarve e na demolición das lousas de formigón e area do recheo existente previa escavación arqueolóxica do paramento do cubo ata chegar á primeira lousa. Unha vez realizado este traballo, cimentarase, realizarase o recheo e formarase unha soleira.
Para os outros dous cubos, a intervención contempla diversas actuacións consistentes na instalación de apeos estruturais, a retirada da saburra compactada do remate superficial do pavimento, a demolición da lousas de formigón armado existentes a diferentes niveis e o baleirado de capas de areas entre as lousas por medios manuais.
Noutra orde, o Goberno local aprobou os criterios para a selección da contratación de 20 persoas desempregadas en situación de risco ou exclusión social, perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), nas brigadas de obras municipais.
Así o avanzou o voceiro municipal, quen indicou que a duración do contrato é de sete meses a media xornada, para realizar tarefas de limpeza e mantemento de sendeiros e roteiros turísticos municipais, así como de mantemento viario nos entornos dos edificios municipais, instalacións deportivas, colexios ou o propio cemiterio municipal. Esta iniciativa vén de recibir unha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria, equivalente aos custos salariais da contratación de 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.
Modificación do regulamento interno de persoal
Entre outros asuntos, na sesión deste mércores, a Xunta de Goberno deu luz verde tamén, aos efectos de rectificación, validación e aprobación formal, á modificación do regulamento interno de persoal, en base a un acordo da Mesa de Negociación. As modificacións atañen ao valor das horas extraordinarias -as normais calcularanse aumentado o 40% e as festivas, o 100%-, e á supresión do límite de horas extraordinarias.
Sanción a Tribugest
O voceiro do goberno local anunciou, ademáis, que o Concello, finalmente interporá unha sanción á empresa Tribugest pola infracción, considerada “moi grave”, que tivo lugar nos pasados meses, cando a empresa que xestiona o cobro de impostos no Concello non notificou a algúns veciños da cidade un cobro polo procedemento correcto polo que o goberno local sancionará a Tribugest cunha multa de 6000 euros, tras desestimar as alegacións presentadas pola empresa.