Xornada de Pleno no Concello de Lugo, e xornada positiva para os proveedores de servizos que tiñan pagos pendentes dende fai máis dun ano. De novo, o Goberno local levou a pleno o recoñecemento extraxudicial de crédito de catorce facturas de distintos servizos prestados ao concello por empresas e asociacións con un valor total de máis de 600.000 euros. Un feito que, a modo de ver da maioría da corporación, “debería ser illado, por ser extraxudicial e, sen embargo, leva presente como un dos primeiros puntos do día dende fai varios meses”.
A edil de Economía, Ana Prieto, foi a encargada de explicar -e pedir- á oposición que se votara a favor do pagamento destes servizos pois, “o Goberno non debe, nin quere ser corresponsable dos graves prexuízos económicos, a nivel de previsión de ingresos e de liquidez, para facer fronte ao día a día que lles está a provocar o impago, e porque se está producindo un enriquecemento inxusto da Administración, dado que, os servizos foron debidamente prestados”.
Pero o equipo de goberno “é consciente” de que algo extraordinario estáse a levar a pleno “de maneira frecuente” e as explicacións por parte de Prieto foron claras é “porque hai un atraso á hora de conformar as facturas”. A edil socialista pediu e reiterou darlle para adiante a estas facturas para así poder baixar o periodo medio de pago que tanto critica a oposición.
Precisamente foron os grupos da oposición os que repetiron en numerosas ocasións durante o pleno desta mañá as queixas dadas noutros plenos sobre este mesmo tema: a frecuencia na que algo “excepcional” se converteu en algo que sucede “a cotío”. Aínda coas numerosas alusións a esta irregularidade do goberno local, a oposición, de esta volta centrouse en case todas as intervencións, nas recentes informacións que deu o Concello sobre a renovación do contrato co guindastre municipal, cando en pleno se acordara a municipalización deste servizo. Lugonovo, Alternativa Cidadá de Esquerda (ACE-EU) e Cidadáns, fixeron referencia a este contrato caducado.
Das catorce facturas que se levaron ao pleno, dez foron aprobadas co mesmo número de votos a favor, en contra e abstencións, pois só o PP votou en contra destes expedientes, pero a falta dunha edil do grupo popular, Ana López Pombo, conseguiu que o voto dobre da alcaldesa, Lara Méndez, fose suficiente para sacar adiante estas facturas. Un dos recoñecementos extraxudiciais máis problemáticos ata o de agora era o da empresa Cechalva, empresa encargada do guindastre municipal, e expediente que foi aprobado grazas a abstención de todos os grupos da oposición agás Cidadáns e ACE-EU que votaron en contra. Outras dúas, as máis recentes, un recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte a facturas eléctricas e o outro, ao comedor dun centro escolar público foron aprobadas coa abstención de case toda a oposición.
Únicamente quedou no tinteiro un expediente, por valor de 283.617,27 euros, o da empresa encargada de xestionar o ciclo da auga, Gestagua, que acadou 11 votos en contra (os do PP, de ACE- EU e Cidadáns), 5 abstencións (dos ediles de Lugonovo e BNG-AA e tan só os 8 votos a favor do equipo de goberno.
Aparcamento na zona do Miño
Outro asunto aprobado en pleno, esta vez por unanimidade, foi a moción do Grupo Popular de estudar a creación dun aparcadoiro no paseo do Miño, aínda que con reparos dalgúns grupos que aseguraron que se aprobaba o inicio dos trámites para o estudo pero non a creación dun aparcadoiro nunha das máis grandes zonas verdes da cidade.
Novas liñas de autobús
Tamén por unanimidade se aprobou a iniciativa presentada polo BNG-AA para propoñer, a convocatoria en menos de 15 días naturais dunha xuntanza de todos os grupos da corporación para tratar a situación na que quedarán as novas liñas de autobuses. Rubén Arroxo lamentou que o escurantismo que mantivo o goberno municipal no deseño das novas liñas de autobuses urbanos, na cal non se permitiu participar á oposición, dea como resultado unha peor conexión no rural.