Os cortes ao tráfico na autovía A-8 ao seu paso polo alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín son xa rutinarios para a xente que ten que pasar por ela a cotío; a Dirección Xeral de Tráfico advirte, case a diario, da conducción condicionada nesta vía pola mesta néboa ou os fortes ventos. Pois ben, o Ministerio de Fomento asinou hoxe co Ministerio de Economía un Convenio de Fomento da Innovación Empresarial dende a Demanda para instrumentar a financiación da Compra Pública Innovadora (CPI) que permita a experimentación con prototipos de tecnoloxía avanzada relativos a sistemas de protección antinéboa.
Mediante esta licitación, segundo afirma o Goberno, abordarase o diseño, implementación e experimentación con prototipos de solucións fronte ao problema máis grande desta área da Autovía do Cantábrico: a néboa densa. O tramo de proba será un anexo ao tramo entre Mondoñedo e A Xesta. O obxectivo final será validar a súa futura implantación sobre esta mesma estrada para minimizar os efectos adversos producidos por este tipo de climatoloxías.
A sinatura deste convenio permite cofinanciar o proxecto a través da liña FID, polo Fondo Europeo de Desarrollo Rexional 2014-2020. Na consulta preliminar do mercado, xa finalizada, recibiron no Ministerio un total de 26 propostas de acordo ao procedemento establecido.
As distintas solucións identificadas varían entre sistemas de detección e axuda á conducción ata sistemas de aillamento, eliminación ou desprazamento da néboa. Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, se procederá a unha contratación convencional para a construcción dos sistemas seleccionados.