A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, achegáronse este xoves á rúa Puro Cora, onde está instalada a cuarta edición de Gastroarte, a feira de artesanía e gastronomía que pon en marcha o Concello para promover os produtos autóctonos, aproveitando a gran afluencia de visitantes á capital ao longo dos días de celebración do San Froilán, Festas de Interese Galego e Nacional.
Na súa visita, Méndez e Basadre, que coincidiron en destacar que se trata dunha cita para recuperar o ambiente da feira tracional, orixe do San Froilán, convidaron a lucenses e visitantes a mercar no Gastroarte, onde atoparán “productos dos nosos, dos de calidade”.
Gastroarte acolle distintos postos de artesanía, co traballo de artesáns de varios puntos de Galicia e incluso de fóra da comunidade, e co mellor da gastronomía para os palais máis exquisitos, pois participan produtos de calidade diferenciada, recoñecidos como Indicación Xeográfica Protexida, Denominación de Orixe ou con certificacións de agricultura ou producción ecolóxica. Nesta edición, Gastroarte conta con 24 postos distintos que estarán abertos ata o 15 de outubro, dentro do propio feiral, en horario de mañá e de tarde.
Pola súa banda, o Goberno da Deputación inaugurou este sábado a XXI edición do ArteSanFroilán que estará aberto ata o día 15 de outubro na Praza de Anxo Fernández Gómez de Lugo e no que estarán presentes máis de 25 profesionais da artesanía. Trátase da mostra organizada polo Executivo Provincial, a través do Centro de Artesanía e Deseño, para promocionar e impulsar o traballo dos artesáns lucenses e galegos, coincidindo coas festas patronais de Lugo.
Nesta ocasión, os participantes son todos profesionais cuxas pezas son de creación e produción propia. Ademais, todos os materiais empregados son transformados dende unhas materias primas autóctonas: madeira, ferro, coiro, cerámica, etcétera. Haberá postos de marroquinería, bixutería, coitelería, xoiería, pintura ou escultura, entre outras disciplinas artesanais. A Deputación conta cun stand onde ofrece información turística dos Concellos da provincia, rutas de sendeirismo e viaxes en catamarán. A mostra, que permanecerá na carpa da praza Anxo Fernández Gómez ata o vindeiro 15 de outubro, estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. A entrada, coma sempre, é totalmente gratuíta.