A Consellería de Infraestruturas e Vivendas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) dispón de 37 locais comerciais repartidos en distintos concellos da provincia de Lugo que supoñen un valor total de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a intención da administración autonómica é a de poñer progresivamente no mercado estes baixos a disposición de empresas, colectivos ou particulares interesados na súa compra ou alugueiro.
De atopar saída para todo este patrimonio inmobiliario obteríanse múltiples vantaxes: Por unha banda, para a propia administración, xa que logo a Xunta consigue xerar ingresos; pola outra, os novos propietarios obterían un local a un prezo especial co que impulsar a súa actividade e, incluso, xerar novas oportunidades de emprego.
Balseiro explicou que a poxa é a única fórmula con que poden pór no mercado estes baixos, pois a lexislación actual “establece que a baixos propiedade do IGVS non se poden adxudicar directamente máis que a outros organismos da Administración ou entidades sen ánimo de lucro”.
O procedemento tamén moi sinxelo, unha vez que se determine a data na que terá lugar a celebración da poxa a administración fixa un prezo mínimo de aluguer/venda anual para cada baixo comercial e os interesados deberán realizar unha oferta en sobre pechado para cada un deles. A máis alta levará o contrato durante cinco anos, prorrogables anualmente