A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, ratificou esta mañá o apoio do Concello ás reivindicacións que están levando a cabo os sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CC.OO.) por unhas pensións dignas. Fíxoo durante a concentración convocada por ambas organizacións esta mañá diante da casa consistorial, dentro da marcha que iniciaron onte en Santiago de Compostela e que rematarán o día 9 cunha gran manifestación en Madrid.
Méndez, que participou no acto xunto con membros do Goberno local e do resto da Corporación, lembrou que o Pleno aprobou o pasado xoves unha proposta, que recollía integramente o texto acordado por UXT e CC.OO. a nivel estatal, en defensa do sistema público de pensións. Este acordo plenario demostra que o Concello “está detrás de vós reivindicando unhas pensións dignas; estades apoiados. Tanto as administracións como toda a sociedade nos temos que implicar, pois o que hoxe pedides os pensionistas non é só para vós, senón para toda a sociedade porque hoxe sodes vós os pensionistas e mañá seremos nós”.