Preto de 400 persoas desempregadas incorporáronse nos últimos días aos obradoiros de emprego que financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria na provincia de Lugo. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe aos participantes do obradoiro que promove o concello de Castroverde en colaboración cos de Pol, Riotorto, A Pastoriza e Ribeira de Piquín, que comezaron a traballar o pasado venres. Balseiro indicou que nestes
días deron comezo 16 dos 17 obradoiros de emprego aprobados pola Xunta, quedando pendente de inicio só o de Sarria.
Estas iniciativas, subliñou, “supoñen unha oportunidade de recualificación profesional para os máis de 300 alumnos traballadores que son contratados”, aos que hai que sumar preto dun cento de contratos entre directores, persoal de administración e monitores. Os alumnos reciben formación teórica e práctica, ao tempo que desempeñan un traballo remunerado realizando obras ou servizos de interese social en beneficio dos municipios implicados. Ao rematar, obteñen un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio español.
Balseiro lembrou que a Consellería destina algo máis de 4 millóns de euros a financiar os obradoiros, que involucran a 39 concellos da provincia. Os trece obradoiros xerais incrementaron a duración de 6 a 9 meses. Hai ademais catro obradoiros Yei especificamente dirixidos a menores de 30 anos.
Obradoiros de cerámica Sargadelos
No mesmo senso, pero noutro eido, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente e Secretario da Fundación Sargadelos, Segismundo García e José Luis Vázquez, respectivamente, presentou esta mañá nas instalacións desta entidade en Cervo os Workshops Sargadelos 2017, obradoiros de cerámica dirixidos a profesionais que ofrecen formación da man de recoñecidos expertos a nivel internacional sore innovadoras técnicas coas que acadar novos produtos que se poidan incorporar aos sectores da moda, da decoración e da gastronomía.
Workshops Sargadelos 2017 inclúe 3 obradoiros sobre cerámica e complemento de moda, cerámica e iluminación e cerámica e gastronomía. Cada taller ofrece 40 horas de formación e 10 prazas, sumando un total de 120 horas de clases teóricas e principalmente prácticas, así como 30 prazas. O prazo de solicitude está aberto ata o 11 de outubro, inclusive, en fundacionsargadelos@sargadelos.com.