Olga Louzao, voceira de Cidadáns, proporá este venres na Comisión de Ordenanzas, convocada para analizar o convenio entre o Concello e a Xunta para equipar o novo auditorio, unha rebaixa do 25% no recibo do IBI ás familias luguesas. Louzao fará esta proposta co fin de coñecer porque se o Goberno local pódelle “perdoar” o IBI á Xunta, non se lle baixa tamén ás familias.
Cidadáns xa propuso o ano pasado un cambio na tributación municipal en relación ao Imposto de Bens Inmobles, de maneira que as familias luguesas pagasen menos pola súa vivenda habitual. Esta rebaixa de impostos ás familias compensaríase, segundo a formación, cun incremento na tributación das vivendas baleiras para deste xeito fomentar o mercado de aluguer e evitar as ocupacións de vivendas.
Do mesmo xeito, Olga Louzao quere saber “en que partidas vai repercutir o Concello o importante descenso de ingresos municipais, cifrado en máis de 600.000 euros ao ano, como consecuencia de eximir do pago do IBI á Xunta?”. A voceira de Cidadáns pregúntalle á alcaldesa se pensa “subirlle os impostos aos lugueses para perdoarllos a Feijóo”.
O grupo municipal de Cidadáns esixirá este venres na Comisión un estudo de custos detallado en relación ao acordo ao que chegou a alcaldesa coa Xunta para equipar o novo auditorio, así como do custo anual de mantemento das instalacións, “que tamén van pagar os lugueses”, lembra Olga Louzao. “Os recursos do Concello non son infinitos, así que queremos saber se a alcaldesa botou contas de canto vai custar o mantemento do edificio e con que recursos pensa facer fronte a eses gastos”, pregunta a voceira de Cidadáns, que considera “un insulto á intelixencia dos cidadáns que o PP e o PSOE tenten camuflar este acordo sobre o auditorio en plenas festas do San Froilán para tentar que pase desapercibido este agravio aos lugueses e luguesas”.