A Deputación promociona o galego, colaborando coa Asociación de Escritores en Lingua Galega

 O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, o Presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; e o vogal de Literatura de tradición oral de dita asociación, Antonio Reigosa, informaron este mércores dunha nova colaboración entre ambas institucións para promocionar e impulsar o uso do galego, facendo fincapé na promoción dos escritores así como da súa produción literaria. Trátase dunha colaboración de 20.000 euros  da Deputación coa que se organizará, entre outras actividades, as X Xornadas de Literatura Oral: Palabras con Memoria, que terán lugar o vindeiro 21 de outubro no Salón de Actos do Pazo de San Marcos.
Santos Ramos valorou a precaria situación que está a sufrir o uso do galego, tanto no eido oral, como no escrito. Neste senso, apuntou que, por exemplo, a edición de libros en galego baixou nun 13,1% durante o 2016, unha caída que  contrasta co bo momento que viven o español, o catalán e o vasco, que aumentaron. Ademais, no que a produción se refire, o Galego baixou nun 48%, a diferenza da produción en castelán, que se incrementou nun 7,5%; en catalán, cun 7,2%; ou en éuscaro, que foi dun 34,5 %. Cómpre subliñar que, en 2016, editáronse 86.000 títulos en todo o estado. O 85,5% deles en español, 10% en catalán, 2,1 % en vasco e, por último, o 1,5% en galego.
“Esta colaboración enmárcase dentro da nosa aposta por fomentar o uso do galego, que é o signo de identidade común que nos vencella a todos os habitantes do país e, pesares de non ter as competencias directas na materia, cremos necesario dar resposta a esta problemática, pois existe a necesidade real de que as administracións colaboremos e apoiemos ao sector literario da nosa comunidade”, apuntou.
O Presidente da AELG puxo en valor a relación da asociación co Goberno da Deputación “que foi sempre de amizade e fraternal, que nos permitiu acadar determinados obxectivos. Sen este tipo de colaboracións do Goberno da Deputación, os escritores non poderiamos levar adiante as funcións non só individuais da escritura, senón tamén as sociais”. “Se algo está claro é que non hai nada que sexa capaz derrotar a esperanza dos escritores pero, esta colaboración, é un grito de esperanza para o idioma, para a literatura galega, e para a tradición oral, que é a base da amplísima riqueza literaria que temos no noso país”, concluíu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com