O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, e o Concelleiro de Deportes, Carlos Alberto Guerra González, presentaron a VIII edición da Carreira Popular de Xermade, que terá lugar no municipio chairego o vindeiro sábado, 21 de outubro a partir das 17:00 horas, e que reunirá a preto de 300 persoas de todas as idades.
O Goberno da Deputación colabora co Concello na organización desta actividade cunha achega de 8.000 euros, coa que tamén permite a celebración doutras iniciativas deportivas como a Copa Concello de Xermade, a Pedalada Solidaria ou un proxecto de envellecemento activo no municipio.
Rivera Capón subliñou que “a nosa colaboración con esta Carreira Popular, que xa se ten feito un oco no calendario galego, pois suma oito edicións, enmárcase na aposta por potenciar turisticamente e dinamizar a economía dos Concellos a través de eventos que reúnen a un gran número de persoas como é o caso desta proba deportiva que, polas súas características, cada ano suma adeptos. Esta é unha das liñas de actuación que define o primeiro Plan Estratéxico de Turismo, totalmente participativo, que elaboramos dende o Goberno da Deputación para impulsar a economía lucense e xerar emprego a través deste sector”.
A proba, aberta a todos os atletas, federados ou non, e público en xeral, sairá da Praza do Concello (no caso de que o tempo non o permita será desde o pavillón polideportivo) e discorrerá por vías do municipio de Xermade. Os primeiros en saír serán os máis pequenos, das categorías pitufo e prebenxamín que percorrerán 100 metros. A continuación, será a quenda dos benxamines, que terán que completar 500 metros. Seguidamente, sairán os corredores das categorías alevín e infantil, que deberán facer 1 quilómetro, e tras eles, irán os xuvenís e cadetes que completarán un circuíto de 2 quilómetros. Finalmente, os participantes da carreira absoluta partirán en torno ás 17:45 horas e percorrerán 6,3 quilómetros.