Cantar o Himno galego

O Himno Galego é peza solemne, coa que se adoita pechar os actos oficiais que se celebran en Galicia. Mesmo nas festas rurais, que na misa, no momento da Consagración, se tocaba o himno nacional, desde hai anos é o Himno galego o que sona.

En Lugo houbo protestas o ano pasado, polo San Froilán, porque na Ofrenda a Rosalía, o gaiteiro que tocou no parque o Himno, só tocou a primeira parte. Isto é: se fose cantado, eliminouse desde “os bos e xenerosos” ata “nazón de Breogán”, obviando –xa digo que se fose cantado- a mención aos “iñorantes, feridos e duros; imbéciles e escuros, que non nos entenden, non”.

Para este ano, tomouse boa nota para que o himno se toque enteiro, e non haxa recortes que poden sentar mal. Pero vamos ao de cantar… o da música, en xeral, non ten problema. O problema, e cantar o himno. Os  que non o saben, xa nin o tararean. Os que o sabemos, cantámolo baixiño para non chamar a atención… E uns por outros, a canción vai esmorecendo, xa non digamos na segunda parte, a máis polémica, onde só se escoita un rumor.

Pois en Vilalba, o tema está resolto, e ben que me gustou comprobalo o trinta de agosto, no acto do pregón e clausura do Certame literario, cando todos nos puxemos de pé para escoitar á Banda de Vilalba, dirixida por Cesar Concheiro, interpretar o himno.

Pero no momento de comezar a interpretación, vemos que toda unha sección de rapaces da banda se poñen en pé, mentres a outra metade quedan sentados. Os sentados, tocan cada un o seu instrumento. Os que se poñen de pé, cántano a pleno pulmón, e obrígannos a todos os presentes a cantar como Deus manda o Himno Galego, coa letra que escribiu Pondal, desde “Que din os rumorosos na costa verdecente” ata “a redención da boa nazón de Breogán”.

Ao rematar o acto, felicitei a Cesar Concheiro pola iniciativa, e confirmoume que tamén a el lle parecían moi pobres os cantos que se escoitaban, e a ver se así, co exemplo das voces graves da Banda de Vilalba, nos animábamos todos.

Pois é unha idea excelente, que en Vilalba funcionou, e que podemos exportar urbi et orbe, polo noso ben, e pola gloria que merece o noso Himno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com