Balseiro reclama a implicación das administracións na mella de traballo da Tinería

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuniuse esta mañá con representantes da Asociación de Veciños e Empresarios da Tinería ao obxecto de abordar diversas cuestións sobre a mellora deste barrio. Balseiro comunicoulles a disposición da administración autonómica de sumarse e participar activamente no observatorio de seguridade e na mesa de dinamización promovida por este colectivo do que seguro xurdirán propostas en positivo.

Tamén insistiu na necesidade de que nestes foros se involucren todas as administracións para que cada unha achegue o seu punto de vista sectorial e, por iso, “sería importante que a mesa estivese presidida polo Concello de Lugo, como administración con máis competencias neste espazo”. O delegado territorial dixo tamén que o Goberno galego seguirá a desenvolver un notable esforzo na rehabilitación dos edificios adquiridos neste barrio, cun investimento previsto de dous millóns de euros nos próximos anos, e na posta a disposición de particulares e emprendedores dos locais que a Xunta ten na Tinería Precisamente Xunta e representantes veciñais concordaron sobre o positivo desta medida, que pretende dar saída en venda ou alugueiro a once locais co fin de contribuír á revitalización do barrio, e servirá como pulo para a recuperación da actividade comercial na zona.

Finalmente Balseiro explicou que a Xunta non ten inconveniente en que se apliquen fórmulas para dar prioridade a unha actividade sobre outras, sempre e cando sexa resultado do consenso entre todos os axentes implicados no plan de dinamización. En todo caso, explicou, a fórmula correcta para facelo é modificando a normativa local, de xeral aplicación en todo o barrio e, polo tanto, trátase dunha decisión que debe promover o Concello como organismo competente na elaboración das ordenanzas e no outorgamento das licenzas de obra e actividade.

Oposición á Xunta

Neste senso, o BNG-AA saiu ao paso hoxe tamén lembrando que están en contra de que a Xunta poña á venda os locais que ten neste barrio. O voceiro nacionalista no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu que “por respecto aos veciños, se pare a venda dos inmobles da Tinería ata celebrar a mesa en novembro”. Para o BNG “non é normal que a Xunta leve adiante esta venda de patrimonio público cando está convocada unha mesa para abordar a problemática deste barrio que vai moito máis aló da propiedade dos inmobles”. O voceiro do BNG-AA criticou que o PP dilapide patrimonio público “non sabemos cal é o obxectivo desta venta pero sabemos que non será bo para Lugo facéndoa deste xeito”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com