A Xestora do PSdeG na provincia analiza a convocatoria dunhas primarias

A Comisión Xestora Provincial do PSdeG-PSOE de Lugo, anunciou a través dun comunicado esta mañá que, tras reunirse o pasado luns día 9, analizou o borrador da convocatoria e do calendario do proceso congresual para elixir nova dirección socialista. A esta reunión asistiron Luís Ángel Lago (en calidade de presidente), José Antonio Quiroga, Pilar García Porto, Mayra García,  Marina Ramudo, Eduardo Vidal, Silvia Rodríguez e Rodrigo Pavón.

Segundo anunciou a Xestora, nesta reunión decidiron por unanimidade propoñer este calendario de primarias e bases da convocatoria do Congreso Provincial, que se iniciarían unha vez rematados os procesos federal e nacional, e dentro dos prazos establecidos polas normas do partido.

A convocatoria do proceso congresual socialista na provincia de Lugo, atenderá  en todo momento, afirman, ao disposto nos estatutos e regulamentos vixentes no partido, que neste caso din textualmente: “O Congreso Provincial reúnese con carácter ordinario entre o terceiro e cuarto ano dende a celebración do Congreso Ordinario anterior, sempre, despois da celebración dos Congresos Federal e Nacional, dentro do prazo dos noventa días seguintes á celebración deste último”.

A convocatoria será no seu momento pola Comisión Xestora Provincial en cumprimento do mandato da Comisión Executiva Federal, do 15 de outubro de 2015.

Desde a Mesa Xestora inciden tamén en que o calendario proposto  para a celebración destes procesos de primarias e congreso provincial, se propón logo da demanda reiterada da maioría de representantes orgánicos e institucionais da provincia para que todo o proceso orgánico a nivel provincial remate neste ano 2017, coa elección dunha nova dirección executiva provincial e a renovación inmediata das executivas municipais.

O Congreso e Primarias na provincia de Lugo se convocan no tempo e forma establecidos estatutariamente e se fundamenta no interese político dos socialistas da provincia de Lugo de que o día 1 de xaneiro de 2018 tódolos novos equipos de dirección municipal e provincial poidan estar operativos para o traballo político a desenvolver de cara as vindeiras eleccións municipais.

“Non se fala de listas”

A rexedora lucense, Lara Méndez, falaba esta mañá precisamente deste proceso de primarias dentro do seo do PsdeG provincial. A alcaldesa asegurou que “non se fala de ningunha lista, se abre un proceso lóxico e normal como ocorreu a nivel federal”, Méndez López afirmou que “toca” abrir o debate nas provincias e cumprir as datas do calendario provisional que se estableza con “total normalidade dentro das canles do partido”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com