O Concello de Lugo propón implantar unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario co fin de dinamizar social e economicamente o rural. Así o anunciou a edil de Economía e Emprego, Ana Prieto esta mañá, ao informar da proposta de modificación da ordenanza reguladora deste imposto, na mesa de traballo sobre ordenanzas municipais que mantivo cos grupos da oposición.
O Goberno local cumpre así un acordo plenario e “reafirma o seu apoio ao rural e ao sector primario” nun municipio que conta cunhas 400 explotacións e das que viven outras tantas familias. Ana Prieto resaltou tamén “o impacto desta actividade na economía lucense, pois somos unha cidade de servizos, cun tecido empresarial que se nutre da
actividade agrogandeira e do rural, e que dá traballo a miles de persoas. Todo o que sexa bo para o sector primario, é bo para Lugo”.
De feito, engadiu Ana Prieto, esta bonificación do 95% da cota íntegra do IBI aos ben inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras, súmase á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas destinadas a explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.
Lugonovo pedirá unha bonificación no ICIO
Pola súa banda, a grupación municipal de Lugonovo esta mañá saíu da mesa de ordenanzas fiscais con traballo avanzado xa para a seguinte comisión. Tras ver que na mesa de hoxe “só se abordaron as modificacións que o goberno local pretende presentar no pleno”, anunciou que levarán á seguinte mesa de traballo de ordenanzas unha bonificación no ICIO, o Imposto sobre Contruccións, Instalacións e Obras, para eliminar definitivamente o amianto e acabar co feismo na cidade.
A formación suxire incluír unha rebaixa no ICIO para aqueles particulares que aposten por rematar as medianeiras dos edificios que se atopen en ladrillo así como por substituír o amianto que aínda poida quedar nas súas vivendas.