O Goberno da Deputación mantén aberto ata o 18 de outubro, inclusive, o prazo para que empresas e colectivos sen ánimo de lucro, todos eles da provincia, soliciten axudas de ata un máximo de 22.000 euros para contratar a novos traballadores lucenses que estean no paro. Trátase do Ben Empregado 4, máis social, o plan de emprego que o Executivo Provincial dotou con 2,2 millóns de euros e que permitirá a un mínimo de 150 entidades e asociacións xerar outros tantos novos postos de traballo na provincia.
Os interesados en participar nesta 4 edición do Ben Empregado deberán presentar no rexistro da Deputación a documentación que se atopa www.deputacionlugo.gal. Tanto na web da Deputación como no Taboleiro de Anuncios se publicarán os requirimentos de máis información durante o proceso de resolución das subvencións.
Os solicitantes poden optar a 3 liñas de financiamento: do 100%, do 90% ou do 50%. O ente provincial asumirá a totalidade dos custos laborais dos traballadores, concedendo ás entidades ou colectivos o 100% da axuda, cando contraten a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral. O 90% dos traballadores en xeral cando sexan contratados por entidades sen ánimo de lucro ou o 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral cando sexan contratados por empresas da provincia.